Apretado programa o do VII Festival de Curtametraxes de Cans (O Porriño), que seguindo o concepto de agroglamou, xuntará do 19 ao 22 de maio, diversos cineastas que exporán os seus máis recentes traballos nos diferentes alpendres da aldea.
O director do festival, o guionista Alfonso Pato, iniciou onte a presentación dos contidos desta edición do festival debullando as numerosas frontes, seccións e iniciativas dun certame que o ano pasado chegoui a congregar a máis de 7.000 espectadores nunha aldea habitada realmente por 400 persoas o resto da tempada.
A presenza do actor Luís Tosar será noticia por partida dobre: como líder do grupo de rock The Ellas presentará en primicia as novas cancións da banda nun dos seus escasos concertos e como premiado actor do momento por Celda 211, que xa foi merecente en Cans do premio Pedigree 2004, inaugurará unha das novidades do certame: un paseo da fama, chamado Torreiro das Estrelas, que deixará constancia do paso pola aldea porriñesa dos grandes protagonistas do celuloide. O seguinte en deixar a súa pegada será Ernesto Chao, o coñecido intérprete homenaxeado deste ano co galardón Pedigree.
Outra innovación é a creación dun xurado composto integramente por habitantes dos diferentes barrios de Cans. Encargarase de entregar o recentemente creado Premio dos Veciños. Nesa categoría e en todas as demais, que serán observadas por un tribunal participado polo actor Carlos Blanco e polo escritor Suso de Toro, entre outros, compiten as doce curtametraxes galegas de ficción e as sete de animación seleccionadas para o concurso. Fóra da carreira polos premios oficiais, haberá máis exhibicións gratuítas, como un ciclo de animación procedente de Portugal, e as estreas absolutas dos filmes documentais O mono Paco, de Piño Prego, sobre o célebre simio da Alameda de Redondela, e Naipe de sangue, o primeiro western á galega, dirixido por José Ballesta e o crítico e novelista Miguel Anxo Fernández.
No hay comentarios:
Publicar un comentario