Cineuropa estrea en Galicia a Godard, Kiarostami ou Oliveira
O festival de Santiago incluirá 26 galegos "vangardistas"
O festival de Santiago incluirá 26 galegos "vangardistas"
Que cineastas da envergadura de Jean-Luc Godard, Abbas Kiarostami ou Manuel de Oliveira non encontren espazo nas pantallas galegas supón unha anomalía cultural. Para o director de Cineuropa, José Luis Losa, significa "que algo pasa". "Ademais, este festival demostra que é falso que non haxa público para ese cine", engade, "porque os pases están cheos". Entre as 130 películas que Cineuropa proxectará en Santiago do 10 de novembro e ao 3 de decembro encóntranse, tamén, as últimas obras de Godard (Filme socialisme), Kiarostami (Copia certificada) e Oliveira (O estranho caso de Angelica).
Pola mostra compostelá pasará o máis destacado do circuíto europeo de festivais. Losa oufanouse de presentar ao público galego "o palmarés case ao completo" da última edición de Cannes.Tournée -premio ao mellor director-, de Mathieu Amalric, ou El tío Boonmee recorda as súas vidas pasadas -Palma de Ouro-, do tailandés Apichatpong Weerasethakul, entre elas. Precisamente o produtor desta última fita, o español Luis Miñarro, recibirá a homenaxe do festival. Miñarro colocou o seu traballo ao servizo de películas de Lisandro Alonso, Albert Serra ou José Luis Guerín
De Guerín, hai tres anos premio Cineuropa, presentarase Guest, o seu máis recente traballo, con forma de apuntamentos de viaxe. E de Isaki Lakuesta, de quen na pasada edición do certame se proxectou Los condenados, haberá noticias, no documental La noche que no acaba, achégase á vida de Ava Gardner durante a súa estanza no Madrid dos sesenta. Bicicleta, cuchara, manzana, de Carles Bosch, trata o Alzheimer que sofre o ex presidente socialista da Generalitat, Pasqual Maragall. E dun dos patriarcas do documentalismo contemporáneo, o estadounidense Frederick Wiseman, poderase ver a súa Boxing Gym, presentada en Cannes o pasado maio.
O cine fantástico agruparase baixo o epígrafe Fantastique Compostela. Somos a noite, de Dennis Gansel e premiada na citas de referencia do xénero, Sitges, ou El último exorcismo, de Daniel Stamm, e Monstros, de Gareth Edwards, son outros dos títulos sinalados pola organización. Un concerto, o 21 de novembro na Nasa, completará o ciclo de horror: tocarán os vigueses Transilvanians e os lendarios avós do skai xamaicano, The Skatalites.
Finalmente, o festival habilitou unha mostra de Novo cinema galego, na que participarán 26 autores "do máis vangardista da produción galega". Probablemente, Todos vós sodes capitáns, o filme de Óliver Laxe galardoado en Cannes, sexa un dos que se poderán ver na 23ª edición de Cineuropa, que organiza de novo o Concello de Santiago.
No hay comentarios:
Publicar un comentario