O festival de cine de Ourense ábrese coa última fita de Tosar
Un ano máis, e xa van 15, Ourense vivirá de cine durante nove días. O Festival de Cine Independente de Ourense -ou o Ourense Film Festival (OUFF)- poñeralle esta noite a alfombra vermella ao outono cultural da cidade coa estrea da película 18 comidas do director galego Jorge Coira e na que intervén o laureado Luís Tosar. Un debut de luxo para un evento que insiste en buscar o seu espazo no moi copado mundo dos festivais cinematográficos.
Duascentas fitas -das preto de 2.000 procedentes de todo o mundo que se presentaron- de directores de medio centenar de países (entre outros, Serbia, Corea, Filipinas, Estados Unidos, Xeorxia, Arxentina, Alemaña, México, Reino Unido, Iraq e España) compiten nesta nova edición á que a política de austeridade imposta pola crise lle rabuñou un bocado de 500.000 euros do seu presuposto. A estes directores súmanse, en categorías non oficiais, outro medio centenar de profesionais que mostrarán ao público as últimas tendencias e outras cen fitas máis, entre curtametraxes e películas de animación.
Esta edición dedicarase a Rabindranath Tagore, a quen se renderá homenaxe mediante a proxección de varias fitas de temática hindú. E xunto á espiritualidade hindú, a occidental, co Camiño de Santiago como protagonista dun ciclo. Películas que abordan cuestións como o papel da muller na sociedade ou a situación de América Latina incluiranse nos ciclos conceptuais que se inauguran este ano.
No hay comentarios:
Publicar un comentario